Monday 06 de May de 2024

Galicia rduce ata un 35,9% as emisións de gases d efecto invernadoiro e constata o avance cara á neutralidade climática


— Ángeles Vázquez avanza que no ano 2020 se emitiron na Comunidade 18,60 millóns de toneladas de CO2, case 3 millóns menos que no ano anterior, fixando o peso de Galicia no total estatal nun 6,8%

— A conselleira coñeceu o funcionamento do novo modelo de predición meteorolóxica de MeteoGalicia, que desde hoxe ofrece información dunha resolución para 1 quilómetro fronte aos 4 do anterior

Galicia reduciu nun 35,9% as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) respecto de 1990, un comportamento que constata o avance da Comunidade cara á neutralidade climática —o anterior dato era dun -23,8%— e fixa nun 6,8% o peso de Galicia no total estatal.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou as instalacións de MeteoGalicia co gallo do Día meteorolóxico mundial, que este ano leva por lema Alerta temperá e acción temperá, onde avanzou que en España a redución foi dun 5,3%, polo que Galicia mantén unha distancia de 30 puntos e sitúase entre as tres comunidades autónomas nas que máis diminuíron as emisións.

Vázquez Mejuto resumiu que durante o 2020 emitíronse en Galicia 18,60 millóns de toneladas de CO2, o supuxo 2,97 millóns menos respecto do ano anterior. A variación interanual representa unha diminución do 13,8%; mentres que en España foi dun 12,5%.

Salientou que estes rexistros tan positivos na Comunidade son un alicerce para celebrar as efemérides no eido medioambiental de marzo, como o Día da meteoroloxía, que se conmemora hoxe, ou A Hora do Planeta, o vindeiro sábado 26; pero sobre todo “son unha mostra do compromiso da sociedade galega coa mitigación do cambio climático”.

Novo modelo de predición de MeteoGalicia
Segundo explicou a conselleira, a sociedade actual está xa a constatar os efectos do cambio climático, con períodos de seca máis longos do habitual, por exemplo. Para facer un seguimento da incidencia deste fenómeno mundial, Galicia conta con MeteoGalicia, un organismo referente climatolóxico e científico, a nivel nacional e europeo.

Un servizo que está en constante actualización, tanto os seus 22 profesionais como os mecanismos, instrumentos e aparellos de predición. Nese sentido, a conselleira coñeceu o funcionamento do novo modelo de predición meteorolóxica, que desde hoxe ofrece unha resolución para 1 quilómetro fronte aos 4 quilómetros do anterior.

Isto significa que se disporá de información sobre a previsión do tempo, as precipitacións, a temperatura ou o vento cun maior nivel de detalle, ao tempo que se melloran os prognósticos de factores determinantes a nivel local.

“O feito de que o distinga puntos que están separados soamente 1 quilómetro significa que vemos moito mellor a orografía. A realidade do novo modelo aproxímase moito máis á realidade de Galicia”, explicou o meteorólogo Juan Taboada.

Esta ferramenta será de utilidade para o cidadán en xeral e tamén para o tecido económico-empresarial, xa que contarán con información máis detallada e precisa á hora de coordinar as súas tarefas produtivas coa meteoroloxía e planificar os traballos diarios ou semanais.